martes, 6 de mayo de 2008

TRABALLO FINANCIARÁ 93 CURSOS PARA A INSERCIÓN LABORAL DAS MULLERES

O Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, asegurou que "dificilmente" ser resolverá o problema do desemprego en Galicia mentres persistan as desigualdades de inserción laboral do colectivo feminino, tras advertir que tres de cada catro mulleres paradas na comunidade --o 74 por cen do total-- carecen de formación profesional "de ningún tipo" para poder atopar emprego.
En rolda de prensa, Varela anunciou que a Consellería de Traballo destinará este ano 4,7 millóns de euros na posta en marcha de 93 cursos de formación dirixidos a mulleres, cos que se prevé dotar de formación a preto de 1.500 desempregadas galegas. "Son programas para encaixar a demanda das empresas coa capacidade de formación da consellería", explicou o conselleiro.
Os 93 cursos presentados servirán para fomentar a incorporación de mulleres nos sectores tradicionalmente 'masculinizados'. Así, as destinatarias recibirán formación en ámbitos diversos como soldadura, azulexado, vixilancia de seguridade, carpintería, condución de autobúses ou camións, instalación de enerxía solar térmica, coidado de discapacitados, manipulado de froitas ou control de calidade, entre outros.
As destinatarias serán, principalmente, mulleres paradas de máis de 45 anos ou menores de 30 anos sen emprego e sen formación de tipo profesional, así como aquelas que proveñen do sector téxtil e as industrias alimentarias. De feito, o conselleiro lembrou que das 95.880 mulleres desempregadas que tivo Galicia de media no 2007, máis de 13.400 nunca tiveron un emprego e 6.500 superan os 45 anos.
Todas estas accións se desenvolven a través do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (FIP), e forman parte dos programas 'Muller porque si', 'Brotar' e 'Tecendo futuro', postos en marcha pola propia Consellería de Traballo. As beneficiarias sairán das preto de 5.000 mulleres que haberán seguido procesos de orientación laboral entre marzo e maio.

No hay comentarios: