
Foi ao finalizar a primeira xuntanza da renovada Executiva do PSdeG cando Pachi Vázquez subiu ao estrado da sala de prensa da sede do seu partido para presentar o novo verbo opositor dos socialistas galegos. O obxectivo central foi o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, do que dixo que “mal empeza” posto que considera que “está desmontando todo o que dixo en campaña”. “Prometeu unha rebaixa de impostos e agora resulta que era mentira, que non a pode facer porque se rebaixan os ingresos”, criticou para logo entrar na polémica e simbólica guerra dos coches oficiais.
“Ten tres coches blindados e vai comprar outro co diñeiro de todos”, dixo en relación ao anuncio de mercar un vehículo presidencial de marca Citröen que fixo Feijóo, e engadiu que “se quere outro coche, o pague do seu peto ou do do PP”. “Moito xesto para a galería, pero no substantivo, imos aos caprichos e a volver converter os problemas persoais en solucións que pagan todos os galegos”, denunciou Vázquez, que acusou ao líder do PPdeG de “derroche”.Pero as críticas ás intencións austeras do novo Goberno non se limitaron a cuestións automovilísticas senón que tamén alcanzaron á residencia oficial do presidente da Xunta, construída por Manuel Fraga. “Feijóo parecía que ía a vivir en Santiago de pensión, pero se está a trasladar a Monte Pío con todo luxo de detalles”, acusou o novo secretario xeral dos socialistas galegos, que sentenciou que durante a campaña “Feijóo columpiouse na demagoxia e en debates inexistentes”.
Pero o presidente da Xunta non foi a única diana de Vázquez, posto que o líder do PSdeG tamén contestou as declaracións do conselleiro e secretario xeral do PP, Alfonso Rueda, nas que pedía que os socialistas romperan todas as coalicións que manteñen co BNG, algo ao que o socialista non está disposto. “A nosa intención é a de respectar a decisión dos cidadáns e gobernar como eles deciden de forma leal, malia que a nosa vocación sexa a de facelo en solitario”. “O PP quere satanizar as coalicións das que non forma parte e por iso parécelle ben a de Canarias ou si acepta xuntarse co Bloque en Muros pero non que o fagamos nós noutros lugares”, declarou.Porén, ademais da resposta sobre as relacións das dúas forzas que conformaron o bipartito, Vázquez quixo facerlle algunhas demandas máis a Rueda, ao que lle solicitou “explicacións” sobre o ‘caso Gürtel’ ou on expediente aberto ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, por supostas incompatibilidades tras entrar a traballar nunha empresa á que adxudicou traballos durante a súa etapa nos gobernos de Fraga. “Non vale o informe que presentou”, dixo sobre o membro do gabinete de Feijóo, mentres que sobre o presunto caso de corrupción afirmou que “o PP ten que clarificar quen pagaba as súas festas en Monte Faro e porque ten dirixentes no cárcere”, en alusión ao ex secretario de Organización Pablo Crespo, imputado pola fiscalía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario