viernes, 8 de mayo de 2009

O FILLO PREDILECTO DO INCIO, BENIGNO MOURE CONDENADO A CINCO ANOS POR ESTAFAR UNHA ANCIÁ

O Tribunal Supremo rexeitou o recurso interposto polo presidente da Fundación San Rosendo, o sacerdote Benigno Moure, e ratificou a condena a cinco anos de cárcere que lle foi imposta por un delito de estafa continuada ó se apropiar do patrimonio monetario e inmobiliario dunha anciá incapacitada que estaba ingresada nun dos centros xeriátricos desta entidade. O fallo do Alto Tribunal amplía tamén a cinco anos a inhabilitación a Moure, dous máis que os que determinara a Audiencia Provincial de Ourense, para presidir, xestionar ou representar institucións de carácter asistencial. Pola súa banda, o Supremo si estima o recurso do notario Alejo Calatayud Sempere, que fora condenado por falsificación por imprudencia grave dun documento público, de forma que suprime a súa pena de suspensión de emprego e cargo público. O Tribunal Supremo cualifica de "estafa continuada" a actuación do sacerdote, a quen atribúe que "dende o principio" ideou "o xeito de baleirar patrimonialmente" as contas e os activos inmobiliarios de María Vázquez Covela -que sufría demencia senil- e o seu marido, que falecera. "Concibiu con engano previo, a idea de facerse pasar por xestor dos seus bens, para seguidamente, coa devandita autorización fraudulenta, dispoñer abertamente do seu patrimonio, mediante a apertura doutra conta-ponte", asevera o fallo do Supremo, que sinala que a "artimaña" pretendía que a Fundación San Rosendo se fixese co patrimonio do matrimonio porque cría que carecían de herdeiros. A sentenza desmonta o argumento da defensa acerca de que o patrimonio monetario e inmobiliario do matrimonio fora doado á Fundación San Rosendo e conclúe que esta "suposta doazón carece de calquera vestixio de existencia, nin sequera de fundamento ningún e, dende logo, dun documento que a probe". O fallo fala de "manobra enganosa" para deixar o capital do matrimonio "completamente espoliado" ata completar un montante de 533.196 euros -aparte das mensualidades que o centro percibía pola estanza dos anciáns- , ó cal lle hai que engadir a venda de propiedades como un piso situado no municipio ourensán do Carballiño, aínda que o diñeiro "non chegou nunca ás contas" da muller. María Vázquez Covela sufría unha "demencia senil incipiente con trastornos de comportamento, alteración da memoria e do razoamento" cando, xunto ó seu marido, que padecía Alzheimer, ingresaron na residencia xeriátrica de Pereiro de Aguiar (Ourense) 'Os Gozos', da que é presidente apoderado Benigno Moure. O matrimonio, que era natural do Carballiño, dispoñía dun "importante capital en diñeiro" e "dun significado patrimonio inmobiliario" que, cando faleceu a anciá en 2003, estaba "todo disipado". As transferencias bancarias empezaron en agosto de 1999, un ano despois do ingreso do matrimonio, en xullo de 1998, nunha residencia de San Rosendo debido "ó estado de abandono" no que vivían. O xuízo contra Benigno Moure desenvolveuse o 2 e 3 de abril de 2008 na Audiencia Provincial de Ourense e declararon tres peritos e unha vintena de testemuñas. O fiscal solicitaba 14 anos de prisión e a inhabilitación do presidente da Fundación San Rosendo para dirixir ou apoderar calquera entidade dedicada ó coidado de anciáns, mentres que a acusación particular pedía 40 anos de cárcere para o sacerdote. O sobriño da anciá, César Vázquez Romero, que era o seu único herdeiro, lamentou que non se aumentara a pena a Benigno Moure, xa que cre "ridículo" que só fose condenado a cinco anos, aínda que estimou que "é o seu" que se ampliara en dous anos a súa inhabilitación para xestionar institucións de carácter asistencial. Así mesmo, queixouse de que o notario "se vai de rositas" e criticou o "corporativismo" que existe na profesión. Non obstante, indicou que ten que analizar en profundidade o fallo do Supremo porque aínda non o recibira. En todo caso, o ano pasado, cando a Audiencia Provincial de Ourense emitira a súa sentenza, o sobriño do matrimonio estafado reclamara que o Parlamento galego impulsase unha auditoría externa das contas da Fundación San Rosendo porque alertou de que, "nestes anos creceu de xeito desorbitado" nun sector no que cre que "é imposible facer ese capital en tan pouco tempo". Neste sentido, apelara á responsabilidade da Administración autonómica para vixiar o uso de fondos públicos e criticara que San Rosendo reciba a denominación de fundación benéfica cando "aplica unhas tarifas moi altas" e os seus empregados cobran "unha miseria". A Fundación San Rosendo constituíuse en 1992 con funcións de asistencia social, de forma que desenvolve unha rede de centros dedicados ó coidado de anciáns, inválidos e necesitados, alcohólicos, minusválidos físicos e psíquicos e pobres, aínda que tamén ofrece servizo a domicilio a persoas e familias necesitadas, gardarías infantís e comedores sociais. Conta con 54 centros, a grande maioría dos cales -48- dedícanse á atención xeriátrica, pero a rede de San Rosendo estendeuse a outros sectores como o hostaleiro, de forma que ten sete centros do Grupo Caldaria, catro hoteis e tres balnearios.

No hay comentarios: