
O PSdeG clausurou onte a Conferencia Política coa presentación do documento que define “o novo ideario socialista e galeguista”, e coa a proposta feita por Pachi Vázquez ao Goberno galego para acadar un gran acordo económico e laboral para Galicia.
O acto contou coa intervención do ministro de Fomento e vicesecretario do PSOE, José Blanco, e o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez. Os preto de 2.000 asistentes á Conferencia Política puxéronse en pé para aplaudir ao ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño e a que foi presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, que asistiron ao acto. Tanto Blanco como Vázquez se dirixiron a Touriño no seu discurso para destacar “o orgullo do socialismo galego” polo “traballo e honradez demostrados”.
Na súa intervención, Blanco salientou ademais a “plena forma” na que se atopa o socialismo e apuntou “imos gañar as eleccións xerais en 2012 e logo Pachi gañará en Galicia en 2013”. Engadiu que “cada día máis xente progresista quere que o PSdeG volva ao goberno da Xunta” e subliñou o acerto do socialismo galego ao elixir a Pachi Vázquez como secretario xeral do PSdeG.
José Blanco destacou o traballo dos socialistas galegos na oposición fronte á “difamación” do PP, para acto seguido expresar o seu “firme apoio a Pablo García, Roberto García e Ricardo Varela” ante as acusacións do PP.
O secretario xeral do PSdeG, pola súa parte, salientou a importancia da Conferencia Política “para marcar de novo as coordenadas que nos van definir como partido”. Así, sinalou que o documento definitivo resume en 900 puntos “un lugar común para a esquerda galega, un oco onde todos os homes e mulleres que entenden que outra Galicia é posible e necesaria, vexan un punto de encontro”.
A este respecto incidiu na defensa dunha Galicia federal, con autogoberno e co máximo teito competencial no marco da Constitución, para o que salientou a necesidade de reformar o Estatuto de Galicia en consenso coas forzas políticas no Parlamento.
Vázquez fixo un repaso por algunhas das principais propostas do documento da Conferencia Política, entre as que se inclúen a reforma da administración autonómica “para acadar un modelo eficiente, transparente e con austeridade real, e que impoña a ética e rache voa visión da administración como un lugar para enchufar aos amigos, como acontece coa Deputación de Ourense”.
O líder socialista destacou a importancia das sinais de identidade e o galeguismo neste novo ideario, “pero non un galeguismo melancólico, senón económico, cultural e con compromiso universal”. Por elo reclamou a Feijóo “un compromiso real coa lingua” e a volta ao consenso lingüístico en lugar da confrontación instaurada por Feijóo.
A educación foi outro dos puntos que salientou “como motor do cambio deste país” e ratificou a aposta do socialismo galego “como xa fixemos cando gobernamos Galicia, onde a educación foi o elemento que máis investimento recibiu”. Subliñou ademais a importancia de reforzar o compromiso coa Galicia exterior, a posta en valor do mundo rural e agrario, e a garantía do Estado de Benestar e das políticas sociais.
Xiro á esquerda
“Hai que saír da crise con un letreiro que poña “prohibido xirar á dereita, obrigatorio dirección á esquerda”, apuntou, porque “corremos o risco de que as políticas neoliberais nos leven polo mesmo camiño que nos levou á crise mundial”. Do mesmo xeito, lembrou que “a dereita en Galicia tamén ten un proxecto, que é o de recortar as políticas sanitarias, os investimentos en educación, en comedores escolares, e en persoal” e indicou que “hai que recortar, pero non nos elementos básicos do Estado de Benestar”.
“Feijóo o 1 de marzo xa estaba reclamando o sillón de presidente, pero agora que o ten vemos que non asume responsabilidades, que os parados de Galicia non son os seus, e cando pechan as empresas el non sabe nada”, criticou, á vez que culpou desta actitude ao feito de que Feijóo “ve a Galicia como terra de paso”.
Denunciou tamén o “fomento do transfuguismo, mediante mocións de censura con corrupción e compra de concelleiros” que caracterizaron ao PP dende a chegada de Feijóo ao goberno e sinalou que “se antes o exemplo de nepotismo era Baltar, agora Feijóo estase a converter nun alumno avantaxado, conseguindo que altos cargos do Goberno galego aproben oposicións, entendendo que a Xunta está ao servizo do PP”.
Acordo económico
Por elo instou a Feijóo a “sacarse da cabeza a cor azul do partido e poñer a cor azul e branca da bandeira galega” e ofreceulle ademais “un gran acordo económico e laboral para sacar adiante este país”. Así, anunciou que o luns o PSdeG fará chegar ao Goberno galego a resolución económica da Conferencia Política e ofreceu “o traballo do socialismo galego para defender a Galicia” aínda que advertiu ao mesmo tempo que o PSdeG seguirá sendo implacable no seu traballo de control ao Goberno autonómico.
Por último, avogou tamén por incorporar á xuventude galega ao proxecto socialista “porque é a mellor formada e preparada que tivo nunca Galicia” e fomentar a autonomía real da mocidade. Na mesma liña, apostou polo socialismo como “o partido da igualdade” e por promover as políticas de igualdade no marco da eficiencia económica fomentando a responsabilidade das mulleres nos cargos de responsabilidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario