martes, 31 de agosto de 2010

UN INCENDIO INTENCIONADO QUEIMA UN ALPENDRE NO INCIO

Parte dun alpendre de Cruz do Incio ardeu na madrugada do luns. O alpendre, construído de bloques e teza, está situado na rúa Ánxel Fole, na mesma leira que a vivenda dos seus propietarios, e a uns cincuenta metros de onde o domingo pola noite celebrábase o festival de música folk Terra Brava.
Os donos do alpendre gardaban nel un tractor con remolque, diversos apeiros de labranza, así como rulos de herba. O incendio iniciouse sobre as cinco e cuarto da mañá. As chamas queimaron boa parte do tellado do galpón, as rodas do remolque e parte da herba. Os propietarios puideron retirar o tractor a tempo polo que non sufriu ningún dano. Nos labores de extinción participaron os veciños e o camión de bombeiros do que dispón o Concello.
Segundo o relato dun dos membros da organización do Terra Brava, cando abandonou o recinto do festival quedaba un grupo dunhas oito ou dez persoas. Ao chegar á súa casa decatouse de que se esqueceu as chaves e volveu por elas. Nese intervalo, que cifra nuns quince minutos, atopouse co alpendre en chamas antes de chegar de novo ao festival.
Segundo testemuñas presenciais, hai varias persoas implicadas no incendio, que ao parecer foi intencionado, xa que ademais de prender lume ao alpendre, tamén esnaquizaron a horta que hai na mesma leira, na que os propietarios plantaran diversas verduras e hortalizas, e que dá á estrada. Foi na calzada onde atoparon un número considerable de pezas de remolacha, cabazas e tamén mazás. A leira está pechada e ten unha cancilla, que polo visto saltaron. Polo momento descoñécese aos posibles autores do delito.

No hay comentarios: