sábado, 3 de mayo de 2008

OS REXISTROS CIVÍS GALEGOS ATENDERÁN AO PÚBLICO POLAS TARDES E OS SÁBADOS POLA MAÑÁ

A partir do vindeiro luns, 5 de maio, as oficinas dos rexistros civís de Galicia da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo ampliarán o seu horario e abrirán pola mañá e pola tarde de luns a venres e os sábados pola mañá, segundo anunciou hoxe o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu. O horario será de 9.00 a 18.00 h. de luns a venres e de 10.00 a 13.00 h. os sábados pola mañá, e a atención ao público organizarase a través de quendas voluntarias e incentivadas economicamente ás que poderán acollerse os funcionarios dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial dependentes da Comunidade Autónoma e que presten os seus servizos nas oficinas dos devanditos rexistros civís.
Paralelamente, para facilitar esta mellor accesibilidade os cidadáns xa poden solicitar por vía telemática –a través da páxina web do Ministerio de Xustiza- os seus certificados de nacemento, defunción e matrimonio e recibilos de forma gratuíta por correo ou ben recolléndoos nunha oficina do propio rexistro civil. Estes datos, que se poden solicitar en galego ou castelán, están dispoñibles a partir de 1950, xa que están dixitalizados todos os libros posteriores a esa data, aínda que o conselleiro confiou en que isto se estenderá progresivamente.

No hay comentarios: