jueves, 18 de diciembre de 2008

O CORREDOR ENTRE SARRIA E LUGO ESTARÁ ABERTO Ó TRÁFICO MAÑÁ

O vindeiro venres ao redor do mediodía os 30.000 habitantes da comarca de Sarria verán cumprida parte dunha vella aspiración, a apertura do corredor que une Nadela con Sarria. Para que a felicidade sexa completa haberá que esperar aínda como mínimo uns anos para que se desdobre en autovía. O acto de inauguración está previsto que se celebre a media mañá e está confirmada a presenza do Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e da conselleira de Política Territorial, María José Caride.
Os actos protocolarios están aínda por pechar na súa totalidade, pero todo indica que a comitiva realizará o traxecto en autobús para coñecer os preto de 30 quilómetros de percorrido e recibir as pertinentes explicacións dos responsables da obra. Unha vez finalizada a inauguración oficial, o máis probable é que a nova infraestrutura quede definitivamente aberta ao tráfico á primeira hora da tarde.
A inauguración comprende a totalidade do corredor, desde o acceso en Nadela até a parte final da circunvalación en Callás. Dúas dos tramos estaban xa finalizados hai varias semanas, pero quedaban por concluír pequenos detalles como a parte final da capa de rodaxe e pintura en Callás ou as rotondas de acceso en Betote e o Lázaro na estrada de Portomarín.
O anaco que aínda falta, aínda que é posible que esta tarde xa quede finalizado por completo, é o enlace coa rotonda de Nadela, que depende da circunvalación de Lugo e non das obras do corredor, pero as empresas puxéronse de acordo para axilizar este tramo e terminalo para a apertura oficial de mañá.

No hay comentarios: