A fábrica de Magnesitas de Rubián está facendo reformas para contaminar menos. A empresa ten en fase de instalación un forno que actuará como complementario dos actuais, aínda que empregará un sistema distinto, que permitirá reducir de forma significativa as emisións de dióxido de carbono e de dióxido de xofre.O novo forno, cuxo estrutura en montaxe vese perfectamente desde fóra da fábrica, baséase na chamada tecnoloxía de torre de ciclóns, que consiste no intercambio de calor entre gases quentados nunha cámara de combustión e o material sólido que se utiliza para alimentar este tipo de instalacións. Jesús Rodríguez, enxeñeiro químico e responsable de produción da planta, explica que este método permite «optimizar o contacto gas-sólido maximizando o intercambio de calor».
A nova torre permitirá á empresa reducir a contaminación e non só a que produce o CO2, senón tamén a de XO2. O dióxido de carbono é, en todo caso, a principal emisión contaminante da fábrica. De acordo cos datos que manexa o Ministerio de Industria, durante o 2006 Magnesitas de Rubián liberou 121.000 toneladas de dióxido de carbono. Durante ese mesmo período, as emisións de dióxido de xofre sumaron 734 toneladas. Os técnicos esperan que o a nova torre de calcinación reduza un 8% os niveis de dióxido de carbono e un 50% os de xofre que saen polas chemineas da factoría. Aínda sendo menores, as emisións de dióxido de xofre crearon nalgunha ocasión alarma nas poboacións situadas nas proximidades da planta.
A empresa de Rubián de Cima, no municipio do Incio, é na actualidade a segunda emisora de CO2 da provincia de Lugo. A primeira é Cementos Cosmos en Oural, situada a menos de cinco quilómetros, que no 2006 emitiu ao aire 348.000 toneladas de dióxido de carbono e tamén afrontou recentemente un proceso de renovación das súas instalacións para rebaixar as súas emisións.
FONTE A VOZ DE GALICIA
No hay comentarios:
Publicar un comentario