sábado, 22 de marzo de 2008

UNHA TUMBA PARA O MÉDICO DOS POBRES


A nota, un simple papel escrito a man, apareceu nos anos setenta entre os vellos documentos da familia. «O 11 de setembro de 1936 matáronme a Manolo os fascistas de Laiosa». Escribiuna Juan, patriarca da casa do Castelo e pai de Manuel Díaz González, médico do Incio asasinado por pistoleiros falanxistas nos primeiros meses na guerra civil. O que a descubriu foi José Luis Díaz, un sobriño de Manuel que leva media vida buscando a maneira de recuperar o cadáver do seu tío para enterralo nunha tumba con nome. Hai uns meses, el e outros familiares puxéronse en contacto coa Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, que xa estuda o caso.
Manuel Díaz naceu no Incio en 1886. Segundo conta o seu sobriño José Luis nun traballo publicado en 1996 na revista Grial, fixo a carreira de medicina en Santiago e exerceu a súa profesión durante un tempo na localidade leonesa da Bañeza. Nos anos vinte regresou ao Incio para ocupar a praza de médico do municipio. Na súa familia contan que foi daquela cando se gañou o sobrenome de médico dos pobres, porque aos pacientes con menos cartos non lles cobraba ou cobráballes moi pouco. Foi elixido alcalde durante a ditadura de Primo de Rivera e posteriormente afiliouse á Organización Republicana Gallega e máis tarde a Izquierda Republicana, coa que chegou a ocupar un escano de deputado provincial en Lugo.

MORTO EN EIREXALBA
Con eses antecedentes, Manuel Díaz foi un dos primeiros obxectivos dos partidarios do golpe militar de 1936. El e o seu irmán José, mestre no Incio, agocháronse na casa duns familiares na parroquia monfortina da Penela, pero aos poucos días foron detidos e encarcerados en Monforte. Dalí desapareceu o 11 de setembro para acabar en mans dunha partida de falanxistas que ás poucas horas o mataron a tiros en Eirexalba, ao pé da estrada que leva de Bóveda ao Incio, exactamente no kilómetro 11, nun paraxe coñecido como Casilla da Serra.
Manuel Díaz non tiña fillos, pero hoxe viven no Incio, en Chantada, en Lugo e en México numerosos familiares, descendentes dos seus irmáns. Un deles é Alfonso Piñeiro, tenente de alcalde de Chantada e sobriño neto do médico, que apoia totalmente o labor do seu parente mexicano. «Eu creo que é moi necesaria unha homenaxe pública a Manuel Díaz», di. Nemesio Pérez Díaz vive no Incio e é outro sobriño neto do asasinado. Hai pouco máis dun mes a acompañou a especialistas da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica ao lugar no que se supón que foi soterrado o corpo. «Ao parecer -conta- levaron o cadáver ao cemiterio da Santa Cruz do Incio e enterrárono moi cerca da entrada, sen lápida nin letreito ningún e de xeito praticamente clandestino».
O problema é que o vello cemiterio do Incio xa non existe. Foi trasladado hai aproximadamente vinte anos, e no seu lugar levantouse unha pequena urbanización de chalés adosados. Con todo, as casas só ocupan unha pequena parte do que era o vello camposanto, porque a maior parte foi transformado nun prado. Os familiares e a asociación investigan agora documentación e testemuñas para determinar se aínda é realmente posible atopar o cadáver de Manuel Díaz.
FONTE A VOZ DE GALICIA.

No hay comentarios: