A través da orde publicada o 9 de xullo no Diario Oficial de Galicia e á que vai dirixida unha contía de 900.000 euros, poderanse financiar os gastos de adquisición de axudas técnicas ou produtos de apoio para o normal desenvolvemento da vida diaria, así como os derivados das adaptacións funcionais da vivenda e a mellora da súa accesibilidade.
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas maiores de 65 anos, que acrediten a necesidade dunha axuda que non estea incluída no ámbito doutras liñas de protección social ou sanitaria, e máis as persoas con discapacidade que teñan recoñecido un grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%, sempre que a axuda se derive da súa discapacidade recoñecida ou ben se acredite a súa necesidade.
Son subvencionables a través desta orde a adaptación funcional da casa e a supresión de barreiras arquitectónicas e de comunicación no interior da mesma, ata un máximo de 3.000 euros por este concepto.
Recóllese tamén a adquisición de próteses dentais e audífonos non previstos no sistema sanitario, cun máximo de 500 euros para as próteses dentais e 800 para audífonos.
Por outra parte, finánciase a adquisición de axudas técnicas, instrumentos técnicos ou tecnoloxías de apoio destinadas a favorecer a autonomía persoal, ata un máximo de 2.500 euros. Neste grupo inclúense, sempre que non sexan cubertas polo sistema sanitario ou outros organismos públicos ou privados sen ánimo de lucro, as axudas técnicas para aseo e hixiene persoal; para alimentación; mobilidade, posicionamento e protección persoal; comunicación; e as axudas técnicas para persoas con discapacidade auditiva e visual.
O modelo oficial da solicitude estará a disposición daquelas persoas interesadas nas delegacións provinciais da Vicepresidencia, nos servizos sociais de atención primaria dos concellos e na páxina web da Vicepresidencia (http://vicepresidencia.xunta.es), o prazo remata o vindeiro 9 de agosto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario