domingo, 28 de junio de 2009

A XUNTA ESTUDARÁ SE SEGUE APOIANDO O PROXECTO DE CONSERVACIÓN DAS FESTAS ETNOGRÁFICAS (COMA AS DANZAS DA CERVELA)

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, comprometeuse a estudar con representantes de diferentes consellerías a posibilidade de continuar o proxecto de conservación e promoción do patrimonio inmaterial do sur lucense que promoven a asociación cultural Lugopatrimonio e outras entidades. A decisión anunciouse nun encontro que Arias mantivo o pasado xoves con membros destas asociacións e representantes dos diferentes concellos implicados no proxecto, que lle pediron que a Xunta siga apoiando as iniciativas que se negociaran verbalmente no seu día co anterior goberno autonómico.
Os representantes das mencionadas asociacións solicitaran axudas da Xunta, por unha parte, para efectuar traballos de adecentamento en espazos públicos onde se celebran festas de especial interese etnográfico, como a praza situada ante a igrexa da parroquia da Cervela, no Incio -onde se executan danzas tradicionais na festividade de santa Lucía- e outra praza da parroquia chantadina de Santiago de Arriba, escenario da celebración do entroido ribeirao. En entrevistas mantidas coa anterior Consellería de Vivenda acordárase que a Xunta financiaría o 80% destes traballos e que o resto sería asumido polos respectivos concellos.
Centro de interpretación
Por outro lado, os promotores da iniciativa piden tamén apoio para o proxecto de creación dun centro de interpretación das tradicións populares na aldea de Parada dos Montes, na Pobra do Brollón, que iría acompañado de diversas medidas para fomentar a recuperación de actividades artesanais. Este proxecto estaba cifrado en torno a un millón de euros e no seu día solicitárase o apoio da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para levalo a cabo.
As iniciativas defendidadas por Lugopatrimonio contan co apoio das asociacións de veciños de Salcedo (A Pobra do Brollon) e San Martiño de Vilelos (O Saviñao) e as asociacións culturais As Fachas (parroquia de Castelo, Taboada), Os Turulecas (A Cervela) e Souto do Val (parroquia da Ermida, Quiroga), así como dos colectivos Amigos do Entroido Ribeirao e Amigos do Patrimonio de Lemos.

No hay comentarios: