jueves, 6 de mayo de 2010

O FOXO DOS LOBOS EN MONTEAGUDO CONTARÁ CON SINALIZACIÓN

O foxo de lobos de Monteagudo, no Incio, será moito máis accesible ás visitas turísticas cando terminen as obras que se está realizando na zona por parte da Administración Autonómica. Un camiño recén aberto permitirá percorrer esta construción de más de douscentos metros de lonxitude partindo dun miradoiro que está a ser construído nas proximidades, onde xa se instalou un panel explicativo. Nos tramos máis problemáticos foron colocadas algunhas barandas de seguridade. Os arredores dos muros que forman o foxo, que nos últimos tempos permanecían ocultos pola maleza, foron limpados de vexetación para permitir apreciar toda a estrutura. Un camiño sinalizado duns trescentos metros enlaza esta paraxe coa Ruta do Ferro, o principal itinerario turístico do municipio, que discorre polas cercanías.
O foxo de Monteagudo está formado por dous longos muros de pedra solta -en forma de uve- que discorren pola ladeira do monte ata converxer na súa parte máis baixa. Neste lugar foi construido un pozo, cuxos restos aínda poden verse, onde ían caer os lobos cando eran acurralados entre ambos muros e fuxían polo monte abaixo. No fondo deste pozo chantábanse laxes de pizarra colocadas verticalmente para que os animais sufrisen feridas mortais na caída.
A pesar das súas considerables dimensións, o de Monteagudo non figura entre os maiores que se conservan en Galicia, segundo explica o arqueólogo ourensán Daniel Pérez López, autor da primeira catalogación xeral dos foxos de lobos existentes en territorio galego. «Hai algúns foxos máis longos, situados sobre todo na zona da Serra do Xurés, que chegan a medir cerca dun quilómetro», sinala. O do Incio podería incluírse nun grupo de foxos dun tamaño que cabería considerar como mediano -de entre 200 e 300 metros-, dos que hai outros exemplares en lugares como a serra ourensá do Suído e o municipio pontevedrés de Cotobade. En diversas zonas de Galicia hai outros foxos de menores dimensións. Segundo o arqueólogo, un detalle que singulariza o foxo do Incio é a mencionada trampa de laxes de pizarra situada no seu extremo. «Ese tipo de construción tamén existe noutros foxos, pero é bastante pouco frecuente», apunta Pérez. (FONTE VOZ DE GALICIA)

No hay comentarios: