lunes, 26 de julio de 2010

A CAPELA DA CERVELA SERÁ REHABILITADA CON FONDOS FEDER


A capela de San Roque da parroquia da Cervela, no municipio do Incio, que se atopa practicamente en ruínas, será sometida a unha profunda restauración que suporá obras de mellora na cuberta, a fachada e o interior do templo.
As reformas que se realizarán afectarán tanto á contorna do recinto como aos seus parámetros interiores e exteriores, así como á súa cuberta e ás súas carpinterías. No exterior os traballos acabarán coa maleza dos peches lindeiros e da fachada norte, ademais de recolocar as laxas.
Doutra banda, no interior eliminaranse as revocaduras existentes, sanearanse as xuntas de fábrica e renovaranse os ‘racebos' interiores, o que tamén ocorrerá cos presentes nas fachadas que miran a norte, sur e oeste. Dentro xa da propia capela, limparase o pavimento, substituíndo as laxas deterioradas e repondo aquelas desaparecida, segundo informaron desde a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, organismo que sacou a licitación estes traballos.

CARPINTERÍA

á súa vez, a cuberta do edificio contará cunha estrutura de madeira de castiñeiro totalmente nova. Tamén renovará o seu aspecto a fachada con diversas reparacións na súa mampostería, que na actualidade presenta un acabado irregular. Así mesmo, substituirase a carpintería da porta exterior e das fiestras e crearase unha nova obra de madeira tamén de castiñeiro, que separará a nave do presbiterio. Sobre a carpintería aplicarase pintura.
As reformas, que se espera que duren ao redor duns catro meses, teñen un orzamento un orzamento total de 82.680 euros, financiados a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o Fondo de Común Investimento (FCI), que achegarán, respectivamente, un 70 por cento e un 30 por cento do total.

PETRóGLIFOS

A capela de San Roque, que se atopa no lugar da Penela, foi construída sobre un elevado outeiro, onde moi posiblemente haxa un xacemento arqueolóxico anterior á romanización, pois polas inmediacións quedan algúns petróglifos moi borrosos a consecuencia da súa antigüidade.
A capela cóbrese a tres augas e ten unha porta sinxela adintelada. A ermida é sinxela de planta rectangular, con muros de chacote e o piso é de lajas de lousa, material que tamén é utilizado nos muros. No interior ten unha estatua de San Roque de preto dun metro de altura.
A Consellería de Cultura anunciou no Diario Oficial de Galicia a licitación, que será por procedemento aberto con pluralidade de criterios e trámite ordinario.
As empresas que decidan realizar unha proposta deberán presentala no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia antes do 9 de agosto, cando se pechará o prazo definitivamente. Para realizar a elección da empresa que se fará finalmente coa concesión das obras realizarase un procedemento aberto que as adxudicará seguindo unha pluralidade de criterios que permitirán valorar a oferta máis vantaxosa.
A parroquia da Cervela é un punto emblemático do municipio do Incio, xa que nesta localidade celébrase anualmente no mes de agosto unha das tradicións máis arraigadas da comarca: a procesión de Santa Lucía.
Para máis información consultar o DOG núm.138.

No hay comentarios: