lunes, 4 de octubre de 2010

O PSOE DO INCIO PRESENTARÁ UNHA MOCIÓN SOBOR DA LEI DE AUGAS NO PLENO DE MAÑÁ


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Este Proxecto de lei que nos presenta o Goberno de Galicia non se compadece co seu título porque para ser unha auténtica Lei de Augas de Galicia debería ordenar todos os usos da auga, cuestión que en absoluto se cumpre.
Este Proxecto esquece as especifidades de Galicia, a nosa relación cultural coa auga e os usos da mesma e a xestión que durante décadas se ven facendo da auga por parte de milleiros de cidadáns que viven no rural de Galicia, as traídas veciñais que co seu esforzo manteñen unha rede de abastecemento nas aldeas do rural en substitución dunha administración que non se ocupou nin preocupou por garantir o acceso á auga de calidade do conxunto da cidadanía de Galicia.
A oportunidade de elaborar un Proxecto de lei sobre a auga é desaproveitada polo actual goberno de Galicia para regular e ordenar a confusa e diversa fiscalidade sobre este recurso natural. Non houbo nin hai vontade política por parte do goberno de Galicia para establecer un diálogo con outras administracións tanto a local como a estatal para establecer unha fiscalidade progresiva e equitativa, onde toda a cidadanía que teña acceso á auga pague o mesmo en todos os territorios, independentemente de si a conca que os regula pertence á Comunidade Autónoma de Galicia ou ao Goberno de España.
O proxecto obvia moitos dos aspectos da lexislación existente que ten a obriga de incorporar como a Directiva Marco da Auga e a lexislación estatal, entre outros non contempla:
• A utilización sostible dos recursos hídricos.
• A necesidade de protección e mellora dos sistemas acuáticos.
• A protección do recurso auga.
• A prevención e redución da contaminación e en xeral a protección do medio ambiente.
• Tampouco se regulan só se fan leves referencias as situacións de enchentas ou secas nin a necesidade de levar a cabo tarefas preventivas nestes campos, sobor de todo tendo en conta as graves inundacións que partes do territorio galego teñen sufrido nos últimos anos así como a aparición de casos puntuais de seca que se teñen dado e eran impensables anos atrás en Galicia.
• Non se fai referencia ás zonas inundables nin as zonas protexidas
• Falta unha regulación relativa ó rego, onde se garanta unha xestión eficiente e sostible do mesmo.
• Tampouco están contempladas previsións en materia de augas subterráneas nin a reutilización do recurso.
A auga é un recurso natural imprescindible para a vida, o desenvolvemento humano e para o mantemento dos ecosistemas. Un recurso con valor económico, social e ambiental. Económico como recurso “escaso” que pode servir para xerar riqueza a través dos seus diferentes usos e aplicacións. Social, como recurso imprescindible para a vida humana e o desenvolvemento das poboacións e Ambiental cómo recurso natural, xa que a calidade da auga inflúe directamente na situación, evolución e conservación dos ecosistemas naturais.
Garantir o cumprimento da Directiva Marco da Auga implica asumir esta concepción do recurso e, en particular, garantir a sostibilidade ambiental, a eficiencia de todos os usos da auga, a racionalidade económica e a participación pública (nos termos establecidos na DMA e na demais lexislación vixente).
Pola contra este Proxecto de lei non asume o novo modelo de xestión da DMA, que implica o recoñecemento dun recurso “limitado”, cuxa xestión se basea na demanda, mellorando a eficiencia do uso dos recursos hídricos, reducindo o consumo e incentivando o aforro da auga.
Este proxecto atende a fórmulas e criterios da xestión da oferta e basease nunha política de infraestruturas e recaudatoria para sufragar esas infraestruturas. Só se preocupa de maneira destacada da creación do ente Augas de Galicia e dos aspectos recadatorios.
O CES no apartado da creación deste novo ente considera que non se xustifica a oportunidade de creación, das razóns da elección da forma xurídica, das vantaxes que poida supoñer e cree que o texto debería garantir a prevalencia do dereito público, incluída a súa aplicación á regulación do persoal.
Esta lei en definitiva, só ten un obxetivo contrastado: recadar máis, subir o prezo da auga para o conxunto da cidadanía.
A aparición deste novo canon da auga suporá nalgún dos tramos incrementos do 140% respecto do prezo actual. Noutros o prezo da auga en Galicia se equipara ao prezo de auga de desaladora no Levante de España.
Este canon establecese ademais sen contar cos gobernos locais, co total desacordo dos concellos que terán que aplicar despois este canón ao conxunto da cidadanía. Pretende cercenar a autonomía local e as competencias que teñen asumidas os concellos.
O CES di no ditame que fai sobre esta lei respecto do novo “canon da auga” en termos literais: “....Compre unha reflexión sobre a oportunidade de incrementar a presión impositiva sobre a cidadanía, familias e empresas, na conxuntura actual de crise económica...”
Os concellos a través da Fegamp chegan incluso a nomear a esta lei, nalgunha da reflexións conxuntas feitas como a “Lei de ordenación tributaria e administrativa dos servizos de saneamento e abastecemento”
A pesares desta reflexión e do desacordo dos concellos o Goberno empeñase en traer ao Parlamento un proxecto de Lei rexeitado e co que se pretenden establecer vellas receitas como novas.
O Goberno pretende facer crer ao conxunto da opinión pública que neste canón se paga por vez primeira en función da auga consumida, pero esta afirmación é falsa posto que no canon de saneamento existente xa se paga en función do m3 consumido e se fixa o prezo cada ano nos orzamentos da Xunta. Na actualidade pagamos para usos domésticos 0,209 euros/m3, pola auga en Galicia.
Tamén é falsa a afirmación de que haxa por vez primeira tarifas reducidas para as familias numerosas, porque na actualidade xa as familias numerosas teñen unha bonificación do 50%.
E por último, respecto da fiscalidade asoma de novo a vella receita semellando ser nova. Xa nas vixentes leis dos anos 93 e 2001 se vinculaba o canón ós investimentos en obras hidráulicas e o resultado está á vista. Galicia incumpriu sistematicamente as directivas comunitarias de calidade de augas residuais e de calidade de augas para a cría de moluscos con sancións dos tribunais comunitarios.
Por todo o exposto, sometemos a aprobación deste Pleno a adopción dos seguintes acordos:

 O CONCELLO DO INCIO SOLICITA Á XUNTA DE GALICIA QUE:

1. A política de prezos da auga en Galicia se axuste ao que din as Directivas Comunitarias. Que antes de subirlle a auga aos cidadás se faga un profundo estudo no que se teña en conta a demanda da auga en todos os seus usos, os métodos de medición implantados e a implantar, os custos financeiros do subministro e a avaliación dos custos ambientais e de recursos.

2. Se faga unha política de prezos aplicando principios de progresividade e equidade e que teña incentivos para que os usuarios utilicen a auga de xeito máis eficaz, aforren no consumo e contaminen menos.

3. Faga o necesario para evitar a duplicidade na recuperación de custos, e que, os cidadáns paguen os mesmos impostos tanto se están baixo a competencia da conca hidrográfica, competencia da Xunta, como nalgunha das concas intercomunitarias, que son competencia do Estado.

4. Recoñeza o traballo feito polas traídas veciñais dende a década dos 60, que se lle de voz e participación nos órganos de consulta e colaboración da administración galega, que se asine un convenio con elas para modernizar as traídas veciñais e para incorporalas progresivamente á rede pública abastecemento e saneamento.

5. Se establezan os obxectivos de protección do dominio público hidráulico e se cree o Rexistro Xeral de Augas e o Rexistro de Zonas Protexidas.

6. Os cidadáns participen na política de prezos e nas demais políticas da Auga a través do Consello para o Uso Sostible da Auga, e que, os gobernos locais formen parte da Axencia Galega da Auga decidindo xunto co goberno de Galicia a política sobre a auga (investimentos, planificación, prezos, etc.) e non sexan utilizados como meros “instrumentos recaudadores”.

No hay comentarios: