martes, 28 de diciembre de 2010

O CONCELLO DO INCIO PERDEU POBOACIÓN EN MÁIS DUN 3% EN DOCE MESES

Os últimos datos demográficos do Instituto Nacional de Estatística (INE) apenas dan alegrías ao sur da provincia de Lugo. De acordo con estas cifras, practicamente todos os municipios das comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga perderon poboación entre o 2009 e o 2010. Monforte volve ser a única excepción porque segue dando pasos, aínda que lentos, para recuperar os 20.000 habitantes, a cota que perdeu en 1999 e que ata agora non volveu a pasar.
As cifras dadas a coñecer polo INE adxudican a Monforte unha poboación oficial de 19.638 habitantes, o que representa 92 máis dos que había en xaneiro do 2009. Porcentualmente, o incremento é de 0,47 puntos, que é exactamente o mesmo que retrocedeu no mesmo período o conxunto da poboación da provincia de Lugo. De feito, esta vez só outros sete municipios ademais de Monforte sumaron novos habitantes [ver gráfico]. As máis importantes, en cifras absolutas, son as de Lugo, con 957 máis; Burela, con 155; e Sarria, con 103. Tras Monforte sitúase Outeiro de Rei, con 84 máis, e Foz, Rábade e Ribadeo, con incrementos só simbólicos.
Á marxe de Monforte, os datos do padrón de habitantes a 1 de xaneiro do 2010, difundidos este mes polo INE, non admiten ningunha lectura positiva. Nin sequera a comparación co conxunto de Lugo permite salvar a cara. Se o conxunto da provincia perdeu este ano un 0,47% con respecto ao anterior, a zona sur retrocedeu tres veces máis, un 1.9% de media. A análise municipio a municipio é aínda peor. O Saviñao é o que máis veciños perde en cifras absolutas, porque en só doce meses o seu padrón reduciuse en 110 persoas. Pero porcentualmente hai resultados aínda máis alarmantes. Neses mesmos doce meses, O Incio perdeu ao 3,4% dos seus habitantes, Carballedo ao 3,1% e Sober ao 3%.
Hai por aquí municipios que perden poboación a un ritmo anual do 3%, e ata un pouco máis. Estamos tan afeitos ás estatísticas que confirman tozudamente a recesión demográfica que xa nin reparamos en que a esta velocidade, O Incio, Carballedo ou Sober, por exemplo, non tardarán moito en converterse en municipios practicamente inviables.

No hay comentarios: