lunes, 31 de enero de 2011

BESTEIRO ANUNCIA UN PLAN ESPECÍFICO DE TRABALLO PARA O INCIO LOGO DO REXEITAMENTO DO ALCALDE Ó LUGO EMPREGA


Besteiro anuncia un plan específico de traballo para O Incio logo do rexeitamento do Alcalde ó Lugo Emprega
A vindeira Xunta de Goberno aprobará este plan, a través do que se contratarán ás 7 persoas previstas pola iniciativa. Serán destinadas ó mantemento das áreas verdes de Vilasouto e o río Mao, ou á recuperación da Casona do polígono industrial
Ante os últimos datos da EPA, o titular provincial subliña que “estou por pensar que Feijóo é capaz de deixar a Galicia cega por querer deixar torto a Zapatero. Leva dous anos que non sabemos nin que existe. Despois deste tempo hai menos Galicia e máis paro”
O Presidente supervisou as obras de mellora de servizos municipais “inaccesibles e inservibles” segundo os veciños de Vilademouros, Rubián de Cima e Cerdela
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este sábado que o organismo provincial aprobará na vindeira Xunta de Goberno un plan específico de emprego para o Incio que dará traballo a 7 persoas de dito municipio. Trátase de veciños deste Concello que actualmente están en paro e que a Deputación contemplaba contratar mediante o Lugo Emprega, pero que non o pode facer debido a que o Alcalde do municipio, Ángel Camino, rexeitase a súa adhesión. Gómez Besteiro salientou que “este foi o único da provincia onde non se acepta que se contraten a sete traballadores. É un caso inaudito. Creo que é unha equivocación que cando a un lle dán a oportunidade de dar traballo a homes e mulleres nun momento no que o emprego escasea que se diga que non hai necesidades. A Deputación vai a facer ese plan logo de que Laura Celeiro nolo pedise insistentemente, aínda que sabemos que esta discriminación é do Alcalde que é quen non quere”.
O máximo mandatario provincial, ante os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), destacou a necesidade de que a Xunta impulse iniciativas como a da Deputación “para evitar noticias malas como as que saían hoxe. Estamos nun mundo no que pola mañá nos temos que levantar e pensar en dar emprego á xente. Galicia é a Comunidade que máis destruiu o paro en 2010, polo que estou por pensar que Feijóo é capaz de deixar a Galicia cega por querer deixar torto a Zapatero. Ten que comezar a asumir dunha vez o liderazgo, ten que poñer en marcha as políticas activas de emprego que para iso ten competencias. É o momento de que se poña a traballar. Leva dous anos que non sabemos nin que existe. Despois deste tempo hai menos Galicia e máis paro. Algunhas Comunidades como o País Vasco estanse mantendo pero, se Feijóo fai así e algúns Alcaldes toman estas decisións, ó final que paga as consecuencias non son eles, senón os veciños que é por quen temos que loitar todos”.
Unha vez que a Xunta de Goberno aprobe este plan específico de traballo, o organismo provincial abrirá o prazo para a presentación de solicitudes que deberán formularse no Pazo Provincial e, a continuación, realizaranse os exames co obxectivo de que os 7 novos empregados estén a pleno rendemento en marzo e durante 6 meses. Traballarán no Incio realizando, por exemplo, tarefas de mantemento e mellora das áreas verdes que xestiona SUPLUSA en Vilasouto e o río Mao. É dicir, actuarán no encoro do Val de Lemos que abastece auga a Monforte de Lemos. Ademais, tamén se encargarán do inicio das obras de recuperación da Casona no polígono industrial do Incio, entre outros labores neste municipio.

“NO DISPONEMOS DE TRABAJO”

Unha vez que a Deputación aprobou en Pleno, co voto en contra do Partido Popular, o Lugo Emprega, o Plan que contrata a máis de 700 desempregados na provincia que, durante 6 meses, traballarán realizando labores de mantemento e mellora de servizos municipais co obxectivo de reducir ó número de parados e cooperar cos Concellos; enviouse por rexistro unha comunicación oficial a todos os municipios para que se sumasen ó Plan, requisito primeiro imprescindible. Neste documento, explicábase polo miúdo os pasos a seguir, o reparto dos contratados en función da taxa de poboación activa e o número de desempregados de cada municipio, así como que a Deputación se fará cargos dos soldos e os pagos á Seguridade Social, mentres os Concellos só deberán aportar o material de traballo ó persoal. Todos os municipios, con independencia da súa cor política e malia a negativa do PP no Pleno provincial, se sumaron en tempo e forma. A diferenza, o Alcalde do Incio amosou a súa negativa enviando unha carta á Deputación na que apuntaba textualmente, que “no es legítimo que se nos pueda exigir que asumamos la responsabilidad de contratar a personal PARA EL QUE NO DISPONEMOS DE TRABAJO, ni que se pretenda “endosársenos” otros para los que no tenemos competencia”.
A Deputación, consciente de que non ten competencias en material laboral xa que estas lles corresponde á Xunta, aprobou en Pleno, con voto en contra do PP, unha moción que esixe ó Goberno galego achegar os mesmos recursos a todos os Concellos da provincia para fomentar o emprego. O Goberno galego recortou este investimento na provincia con respecto ó ano anterior en máis de 3 millóns de euros. Ademais, só o 5% dos máis de 21.000 parados lucenses se beneficiaron destes fondos. Antes esta situación, o organismo provincial fixo un esforzo inversor de 8 millóns de euros para poñer en marcha o Lugo-Emprego e crear novos postos de traballos en todos os municipios, nos 67. Por iso, fixo unha excepción co Incio ofrecéndolle 2 días máis que os restantes Concellos para sumarse a esta iniciativa. Nembargantes, a Deputación non obtivo resposta algunha, entendendo que o Alcalde mantiña a postura expresada por carta: “este Ayuntamiento, a fecha de hoy tiene una plantilla execelente, la justa, pero también la necesaria por lo que parece obvio decir, que salvo imprevistos no disponemos de trabajos concretos para asignar a un nuevo personal”.

Mellora de servizos municipais “inaccesibles e inservibles”

Precisamente, o Presidente realizou esta anuncio nunha visita ó Incio onde supervisou as obras que o organismo provincial levou a cabo nas parroquias de Vilademouros, Rubián de Cima e A Cervela no Concello do Incio por valor de 23.000 euros. Trátanse de actuacións de mellora en servizos municipais “inaccesibles e inservibles”, segundo apuntan os veciños na solicitude destas actuacións presentada no Pazo Provincial, que a Deputación executou dentro do Plan de Comunidades Veciñais de 2010. As obras foron as seguintes: acondicionamento dun camiño da localidade de Vilademouros; mellora do camiño e a fonte de Rubián de Cima; e ampliación da prazas da Cervela. “Estas son obras que, probablemente senón as fixera a Deputación en colaboración cos veciños, nunca se levarían a cabo. Con elas pouco a pouco imos cambiando a situación das diferentes parroquias”.

Colaboración da Fundación TIC

A praza da Cervela é escenario dos festexos de Santa Lucía caracterizados polas “Danzas da Cervela”, un espectáculo que se agarda que sexa declarado de Interese Turístico Nacional sobre o que a Fundación TIC, dependente da Deputación, elaborou un vídeo co obxectivo de promocionalo ó exterior. Gómez Besteiro aproveitou a visita para visionar cos veciños este traballo.

No hay comentarios: