lunes, 25 de agosto de 2008

OS DANZANTES DA CERVELA PREPARANSE PARA A SANTA LUCÍA

Ao longo da próxima semana levaranse a cabo na parroquia de Cervela, no Incio, os preparativos dun dos festexos máis singulares que se conservan no sur lucense. A festa local de santa Lucía caracterízase polas danzas que acompañan a procesión do día grande -o próximo domingo, cara á unha e media da tarde-, executadas por un grupo de homes ataviados con vistosos traxes. A tradición mantense viva a pesar do problema que supón o despoboamento da zona, que fai cada vez máis difícil encontrar xente nova disposta a levar a cabo a danza cerimonial.
Desde hai xa moitos anos, son catro os danzantes que que acompañan o rechamantes desfile das imaxes de san Antonio, san Cristovo -patrón da parroquia-, santa Lucía e a Virxe do Rosario. Noutros tempos, os danzantes foron seis e anteriormente oito. Estes personaxes realizan un complexo baile a ritmo de muiñeira que será ensaiado pacientemente durante os próximos días. As danzas de Cervela foron incluídas pola asociación Lugopatrimonio na súa recente proposta para un plano de conservación dos festexos de especial interese etnográfico da provincia, xunto cos carnavais de Chantada e Salcedo e a queima das fachas de Castelo, en Taboada. Os diversos colectivos que se encargan de manter vivos estes festexos prepararon hai pouco tempo unha petición conxunta á Deputación e á Xunta coa intención de obter axudas oficiais para evitar a súa desaparición e para fomentar o seu aproveitamento cultural e turístico. Por outro lado, os veciños que conservan a tradición das danzas xa teñen previsto ensinar os segredos do cerimonial a un grupo de rapaces para garantir que o antigo costume non se perda.
A festa da Cervela ten chamado desde hai tempo a atención dos estudosos do folclore polas súas peculiares características. Un dos seus aspectos máis característicos é o atuendo dos danzantes, complementado con arcos decorados con fitas de papel de cores vivas. A estética da celebración non deixa de recordar, curiosamente, a de certos carnavais rurais, como os que se conservan aínda nas aldeas da ribeira chantadina.

No hay comentarios: